O discurso só foi literatura...

Literatura. 1. Arte que utiliza a palabra como medio de expresión. 2. Conxunto de obras escritas con finalidade estética, por un pobo, nunha lingua...
Galega. 1. Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua...
Literatura Galega. ...damos por suposto que a literatura galega é a literatura escrita en galego! (Carvalho Calero, A Coruña 1988)

A LÍRICA RELIXIOSA. A PROSA MEDIEVAL

 


A PROSA MEDIEVAL
E POR QUE AFONSO X ELIXIU O GALEGO PARA
AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA

A poesía dos Cancioneiros medievais galegos constitúe un fito na historia da lírica europea pola súa orixinalidade, calidade e abundancia de composicións. Fronte a esta poesía, a prosa medieval galega tivo menor cultivo e relevancia debido a determinados condicionamentos históricos. Os documentos que dela nos restan chegan a nós alterados ou corrompidos por escribas do séc. XIV e XV, mais, como asegura Rodrigues Lapa, isto nao autoriza que se possa dizer que nao tivemos prosa durante esse período, constitui um disparate e um absurdo... Pois posuímos exemplos de enorme interese do que puido ter dado de si a prosa galega, no suposto de seguir un desenvolvemento parello ao das súas irmás románicas. Non faltaron nobres galegos interesados en ler relatos na propia lingua e por iso existen recreacións interesantes de textos escritos inicialmente noutras linguas (latín, castelán, francés…).  O feito de estarmos diante de  traducións e refundicións desde outras linguas é un factor que distrae a atención dos estudosos sobre este aspecto da nosa historia literaria. Pero debemos ter en conta que “traducir” na Idade Media non posúe o mesmo valor que na actualidade. Pois esas versións gozan de enorme liberdade respecto aos modelos nos que se basean , son auténticas recreacións arredor dun tema, que, xeralmente, é común a outras moitas literaturaturas europeas desa mesma altura.
Foro do Burgo de Castro Caldelas, 1228
A existencia desta prosa medieval galega, desde principios do século XIII, é a mellor evidencia de que o idioma xa acadara naquela altura un grao de madureza que o habilitaba para constituirse no vehículo de expresión dunha literatura que aspiraba a ser lida (non só recitada, representada ou cantada) e a ser considerada como un obxecto culto e de prestixio.
Talvez, unha das razóns polas que sempre pasamos por riba da nosa prosa medieval como se non fose de nós, podemos atopala nas ensinanzas recibidas dun dos maiores estudosos da nosa Poesía Lírica Medieval, G. Tavani.
Este investigador escrupuloso, á hora de explicar por que trobadores e xograis procedentes de todas as cortes hispánicas e non hispánicas compoñían todos os seus textos líricos en galego-portugués e por que reis casteláns como Fernando III ou, especialmente, Afonso X só se serven do galego-portugués para compeñer cantigas ou para impulsar as súas cortes poéticas, centra o núcleo da súa argumentación no principio da indisolubilidade medieval do par lingua-xénero fronte á equivalencia lingua literaria – nación que defenden outros estudosos.
Para Tavani o galego-portugués non foi a lingua poética dunha escola nacional, senón que asumira as funcións de vehículo expresivo dun xénero  poético cultivado e imitado en toda a Península e do que durante moito tempo se conservará memoria, como testemuña a través das palabras que no seu Prohemio escribira a mediados do século XV o marqués de Santillana: non há mucho tiempo qualesquier decidores e trovadores d’ estas partes, agora fuessen castellanos, andaluces o de la Extremadura, todas sus obras componían en lengua gallega o portuguesa.
Así o galego-portugués adquirira, segundo Tavani, o papel de única lingua da poesía lírica ao tempo que outras modalidades lingüísticas asumían outros roles. Por exemplo, respectando o binomio lingua-xénero establecido por el mesmo, obteríamos a seguinte relación:

LINGUA
XÉNERO
Galego medieval
ou galego-portugués

poesía

Castelán

narrativa

Versión galego-portuguesa da Crónica Geral
Deste xeito asumimos que o galego foi a lingua poética das cortes cristiás da Península Ibérica, mentres que o castelán foi a lingua da narrativa, dando por feito que a nosa prosa medieval é pobre e de escaso valor, simplemente constituída por mostras irrelevantes en paralelo ás cuestionables mostras da lírica castelá daquela altura. Esta interpretación – argumentación do profesor Tavani permitiu reforzar a idea nacida xa  na corte de Afonso X de o castelán ser a lingua adecuada para narrar, estudar , investigar, ensinar , traducir… e o galego ser a lingua coa musicalidade e a sonoridade adecuadas para a poesía, para trobar. E así chegamos ao prexuízo actual que axuda a profundar na fenda diglósica, pois para as cousas importantes (matemáticas, novas tecnoloxías, mundo das ciencias) xa temos o castelán, deixemos o galego para o que mellor lle acae,  a inutilidade e frivolidade da poesía.
Ocorre que neste camiño esquecemos os condicionantes históricos que provocaron o que o profesor Anxo Tarrío explica como a fagocitación da personalidade de Galicia por parte dos poderes casteláns e da “lingua imperial” que eses poderes levan de seu.
E cales foron eses condicionantes históricos que fanaron as posibilidades de desenvolvemento da prosa galega?
O mariscal Pardo de Cela

Primeiro, como para as restantes linguas románicas, o latín seguía a ser a lingua de prestixo para a prosa. No caso de Galicia, a súa substitución por linguas vernáculas non recaeu sobre o galego, senón sobre o castelán. Segundo, a carencia dunha corte propia ( a diferenza de Portugal) a partir do século XIII e a dependencia da monarquía castelá impediu o mecenado para que copistas, tradutores e cronistas realizasen o seu labor en galego.  Terceiro, os axustes ortográficos das linguas vulgares de Europa comezaron a se asentar cando o reino de Castela iniciou (en palabras do cronista real, Jerónimo Zurita) a doma y castración del Reino de Galicia. Cuarto, a partir do sometemento dos derradeiros nobres galegos rebeldes (Pardo de Cela, decapitado en Mondoñedo en 1483), os documentos, até entón redactados en galego, comezan a se elaborar en castelán porque os funcionarios galegos foron desprazados polos de fóra ou ben deberon examinarse en Valladolid para acadar a condición de funcionarios reais. Así a imposición do castelán a partir do século XV puxo fin ao emprego do galego na prosa. Quinto e último, a ignorancia na que durante longos séculos permaneceu o tesouro da prosa medieval galega, pois debemos agardar a fins do século XIX para coñecer os estudos de Andrés Martínez Salazar e a 1967 para coñecer a obra que Ferro Couselo, A vida e a fala dos devanceiros,  adicada ao estudo e divulgación da nosa prosa medieval
Á vista dos textos conservados, deberíamos preguntármonos cal é a anormalidade das orixes da nosa prosa. Pois os primeiros deses textos son a Noticia de Torto e o testamento do rei Afonso II, ambos datados cara ao ano 1214, só dezaseis e dezaoito anos despois da datación dos primeiros textos conservados das nosas cantigas. É dicir, en plena etapa de esplendor da nosa lírica medieval e medio século antes de que Afonso X dirixa o labor da Escola de Tradutores de Toledo coa fin de converter o castelán na lingua romance da cultura e do saber coñecido até entón, mesmo medio século antes de que este mesmo rei coordine a elaboración das Cantigas de Santa María, en galego-portugués, a pesar de que 356 cantigas, das 427 composicións de que consta a obra, son narrativas.
En conclusión, a falta de normalidade no desenvolvemento da prosa medieval galega radica nos mesmos condicionantes históricos que levaron a poesía trovadoresca á súa decadencia e ao Reino de Galiza ao seu sometemento a Castela. Por todo isto, non é estraño, como ben asegura o profesor Tarrío, que tendo evolucionado normalmente no ámbito da poesía, que é o rexistro literario primario de calqera literatura, a prosa galega tivese fanadas as súas posibilidades de desenvolvemento.
_____________________________

LER ADEMAIS... Afonso X, avisado, guerreiro, poeta e furioso. Suso de Toro. 

_____________________________
  • G. Tavani (1986) . A poesía lírica galego-portuguesa. Ed. Galaxia. ISBN: 84-7154-561-6.
  • Tarrío Varela, Anxo (1994. Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Ed. Xerais. ISBN: 84-7507-778-1.
  • Rodrigues Lapa. Liçoes de literatura portuguesa: época medieval . Lisboa, Centro de Estudos Filológicos (1934)
  • Elvira Roiz Mesias e Manuel Rei Romeu (2002). Literatura Galega da Idade Media ao século XIX. Ed. A Nosa Terra. ISBN:84-95350-21-1.
  • Ramón Gutiérrez Izquierdo (2000). Lecturas de Nós. Introdución á Literatura Galega. Ed. Xerais. ISBN: 84-8302-505-1.
  •  Xosé Ramón Pena (1993). Literatura Galega Medieval. Ed. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-147-
________________________________

TEMA 5. AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA E A PROSA MEDIEVAL

SELECCIÓN DE TEXTOS
ESQUEMA. PROSA MEDIEVAL

__________________________________________