O discurso só foi literatura...

Literatura. 1. Arte que utiliza a palabra como medio de expresión. 2. Conxunto de obras escritas con finalidade estética, por un pobo, nunha lingua...
Galega. 1. Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua...
Literatura Galega. ...damos por suposto que a literatura galega é a literatura escrita en galego! (Carvalho Calero, A Coruña 1988)

A CANTIGA DE ESCARNIO E MALDICIR. OUTROS XÉNEROS.



AS CANTIGAS DE BURLAS

O terceiro dos tres grandes xéneros poéticos en que se articula a Lírica Profana Medieval, “galega” para X.L. Méndez Ferrín ou “galego-portuguesa “ para G. Tavani e para Anxo Tarrío, está conformado por 430 composicións de carácter pouco homoxéneo debido á súa diversidade temática e ao que G. Tavani chama “preguiza crítica”, pois ven sendo tratado como o caixón de xastre no que verquer todo o que non cabe nos outros dous (cantiga de amor e cantiga de amigo ). Así, sirventeses morais e políticos, sátiras literarias, maledicencias persoais, prantos, tenzóns ou parodias acabaron neste caixón.

Trátase de cancións satíricas, cantigas burlescas, a través das cales os trobadores realizaron  unha dura crítica dos homes, das mulleres e dos costumes do seu tempo. Segundo a Arte de Trovar que precede ás cantigas recollidas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa, as cantigas de escarnho e maldizer diferéncianse entre si pola forma en que se realiza a sátira. As primeiras utilizan palabras encubertas ou de dobre significación (o equívoco é o seu recurso preferido, mais tamén os dobres sentidos, as diloxías, os eufemismos ou os xogos de palabras), mentres que as segundas utilizan palabras directas, chamando ás cousas polo seu nome (estas parecen ser as máis frecuentes nos nosos Cancioneiros).
Esta distinción, á vista do lector de hoxe, ten pouco valor, posto que moitas referencias satíricas que para os contemporáneos eran evidentes para nós resultan indescifrábeis. Ás veces estas cantigas resultan incomprensibles, pola falta dunha interpretación adecuada dos seus termos, cos que se xoga á equivocatio; especialmente se temos en conta  o feito de que a cantiga era interpretada diante duns espectadores e non lida na soedade e silencio dun lector actual, o que axudaría a comprender eses dobres significados que hoxe se nos escapan na lectura, perdida a teatralidade (indicacións xestuais, ironías, burlas…) da súa interpretación-representación orixinaria.
Esa interpretación-representación poético-musical-xestual (parateatral) da cantiga de escarnho e maldizer nace da confluencia entre o sirventés provenzal e unha tradición satírica autóctona de transmisión oral realcionada co Entroido e a subversión dos valores establecidos, de aí a súa boa acollida na época, así como a súa censura até tempos ben recentes. Este terceiro grande xénero da nosa Lírica Profana Medieval non se viu difundido até os anos sesenta (a súa primeira  edición data de 1965, mentres que a primeira edición das cantigas amorosas realizouse en 1929). A razón desta censura veu motivada por ridículos preconceptos estéticos que poñían en dúbida o valor literario do “corpus” satírico debido aos prexuízos dos estudosos que as vían excesivamente escabrosas e obscenas. Por exemplo, a profesora portuguesa d. Carolina Michäelis definiunas como “a cloaca moral dos nosos cancioneiros”.
Pola contra, de entre todas as cantigas medievais son as que maior valor histórico, sociolóxico e lingüístico posúen, porque aportan datos históricos que as Crónicas Medievais omiten, aparecen nelas descritos con realismo personaxes de todos os estamentos sociais e a súa linguaxe reflite mellor que ningunha outra composición medieval a fala viva do pobo. Ademais non deberíamos esquecer que as cantigas de maldicir son as máis frecuentes nos nosos Cancioneiros porque, a diferenza dos trobadores provenzais nos seus sirventeses, as nosas cantigas son, máis que satíricas, burlescas; os nosos autores medievais buscaban o ataque sen intención moralizante, buscaban a burla para provocar a risa. Talvez por iso, porque, a pesar da influencia do sirventés provenzal, mantén a súa orixinalidade peculiar e os seus trazos autóctonos (como tamén lle ocorre á cantiga de amor en relación á cançó provenzal)  deberíamos chamarlle a este xénero cantigas de burlas.
Hoxe, estas cantigas de burlas son as  que están a vivir unha maior revitalización, non só a través de ensaios e estudos ( Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. C. Callón) senón a través da poesía contemporánea de denuncia (Cantigas de escarnio e maldecir de Arístides Silveira. Celso Emilio Ferreiro) ou a que xoga á mestura de xéneros e á provocación (Ronseltz) ou a través de xéneros populares como a regueifa ou mesmo de músicas doutras terras, como pode ser o rap, que acollidas entre nós acaen á perfección co xénero burlesco.
________________________
  • G. Tavani (1986) . A poesía lírica galego-portuguesa. Ed. Galaxia. ISBN: 84-7154-561-6.
  • Tarrío Varela, Anxo (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Ed. Xerais. ISBN: 84-7507-778-1.  
  • Elvira Roiz Mesias e Manuel Rei Romeu (2002). Literatura Galega da Idade Media ao século XIX. Ed. A Nosa Terra. ISBN:84-95350-21-1.
  • Ramón Gutiérrez Izquierdo (2000). Lecturas de Nós. Introdución á Literatura Galega. Ed. Xerais. ISBN: 84-8302-505-1.  
  • Carlos Callón (premio Vicente Risco de ensaio pola obra Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media). O blogue de Carlos Callón.  Galicia Hoxe. 01/06/2011   
___________________________
    TEMA 3. A CANTIGA DE ESCARNIO E MALDICIR. 
                  OS XÉNEROS MENORES

    SELECCIÓN DE TEXTOS
    ________________________

    ENLACES PARA REFORZAR E/OU AMPLIAR O TEMA



    Cantiga de escarnio medieval O GENETE, de AFONSO X, na versión antifranquista de MIRO CASABELLA.

    Versión contemporánea da cantiga de escarnio e maldicir polo artista punk LEO i ARREMECAGHONÁ, BILINGÜISMO HARMÓNICO...