O discurso só foi literatura...

Literatura. 1. Arte que utiliza a palabra como medio de expresión. 2. Conxunto de obras escritas con finalidade estética, por un pobo, nunha lingua...
Galega. 1. Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua...
Literatura Galega. ...damos por suposto que a literatura galega é a literatura escrita en galego! (Carvalho Calero, A Coruña 1988)

A CANTIGA DE AMOR


 

A cantiga de amor é "un cantar no que un home namorado se dirixe á súa dama (senhor)". Este xénero de cantigas constitúe o grupo con maior número de composicións dentro da nosa lírica profana medieval, con máis de 700 textos e a totalidade do Cancioneiro de Ajuda. A cantiga de amor foi o xénero trobadoresco máis cultivado e máis prezado polos poetas medievais. A súa composición era signo de refinamento e habilidade literaria, ao estaren asociadas ao medio aristocrático e seren reflexo dunha moda cultural de grande aceptación: o trobadorismo provenzal. Podemos dicir que este xénero de cantigas da nosa lírica profana é o que reflicte a moda do amor cortés difundida por toda Europa desde o sur de Francia (desde Provenza, na Occitania).  
                                      

  Neste tipo de canción, o poeta fala, con voz propia, sobre as súas coitas de amor , pois os desdéns da senhor son continuos e de pouco serven os esaxerados afagos ou loanzas que o eu poético emprega para enumerar as virtudes e os encantos da amada, que é contemplada como un ser excepcional a quen cómpre render vasalaxe coma se dun señor feudal se tratase. 

Os nosos trobadores compoñían este tipo de cantiga sabendo que estaban a imitar un modo de poetizar de fóra de Galiza: a cançó occitana. 
A cançó, orixinaria da Occitania, influíu na cantiga de amor
O profesor Anxo Tarrío, na liña de Carlos Alvar, afirma que a imitación galega non acada a excelencia occitana, posto que nas cantigas de amor falta o "preludio primaveral" ou encabezamento con localización espazo-temporal, case non está presente o joi ou gozo de amar dos poemas provenzais; por outra banda, a senhor galego-portuguesa é máis incorpórea, máis espiritual, foxe da carnalidade da midons ou dona provenzal; e, finalmente, afirma que as cantigas de amor non son tan artificiosas como as cançós provenzais e, polo tanto, carecen da súa beleza.Talvez, sería máis adecuado pensar que a poderosa influencia dunha lírica autóctona pre-trobadoresca, capaz de crear un xénero propio: a cantiga de amigo, deu lugar, coa chegada da cançó provenzal-occitana, a unha fórmula poética orixinal, a cantiga de amor galego-portuguesa. 
Pois non é doado crer que a falta de artificiosidade viñese provocada por limitacións artísticas dos trobadores autóctonos, despois de ter lido o poema  Proençaes soen mui bem trobar... de Don Dinís que parodia a arte poética provenzal por estar sometida a ríxidas convencións e artificios formais moi ben catalogados pero alonxados de calquera manifestación verosímil do sentimento amoroso. Tampouco é doado crer que a ausencia do "preludio primaveral" veña dada pola ineptitude dos nosos trobadores, quen xa iniciaran moitas das súas cantigas de amigo con esa localización espazo-temporal.
Con respecto á ausencia do joi (estado de plena felicidade tras conseguir á muller desexada), poderíamos explicar o feito botando man da tradición cristiá (que incorpora unha imaxe feminina próxima á da Virxe) ou da ausencia dunha sociedade cortesá ao estilo provenzal, ou mesmo da ausencia do estado de drudo ou amante en case todas as nosas cantigas de amor, debido a unha concepción platónica dese amor, que como di o profesor G. Tavani, presenta unha senhor incorpórea e espiritual fronte a unha midons carnal e voluptuosa. 
Seguramente isto é así porque o xénero autóctono da cantiga de amigo ocupara xa o espazo do erotismo, até chegar mesmo á obscenidade no caso das cantigas de escarnho e maldizer.
Probablemente esta visión do profesor Tarrío entronca moi ben coa visión tradicional que, desde os manuais de Historia da Literatura Española, se veu dando sobre o feito de que as mellores cantigas galego-portuguesas foran as Cantigas de Santa María (elaboradas na corte de Afonso X, en Toledo), que configuran a nosa lírica relixiosa, pois o resto, a nosa lírica profana (cantigas de amor, cantigas de amigo, cantigas de escarnho e maldizer) non eran máis que imitacións ou versións das cançós provenzais ou occitanas. E, cando tocaba explicar as diferenzas e peculiaridades da cantiga de amigo, entón botábase man das carxas mozárabes, "jarchas" en castelán (durante moito tempo consideradas neses mesmos manuais como  as primeiras manifestacións da Literatura española).
Por que damos en buscar unha e outra vez teorías diversas sobre a orixe das nosas cantigas medievais; por que é preciso atopar a glosa, o manoscrito, o texto que xustifique a orixe autóctona da nosa cantiga de amigo? Agás Dolores Oliver (marzo de 2009) na súa obra El cantar de Mío Cid. Génesis y autoría árabe, que erudito da Literatura Castelá  cuestiona a orixe "castelá" do Cantar de Mío Çid, a pesar dos infinitos "aragonismos" e da súa irregular métrica só semellante á da epopea musulmá?  
Por que nós cuestionamos as nosas propias creacións literarias? Talvez porque as estamos ollando, porque nos estamos ollando, con ollos que ollan desde fóra..., cos ollos de outro, non cos nosos.
Se as cantigas de amigo resistiron as filtracións do modo provenzal, probablemente o noso primeiro documento literario sexa, pois, unha cantiga de amigo(...)Por que non habían de agromar espontaneamente no seo das romarías e das peregrinacións a Compostela?, como defendeu Avelino Abuín de Tembra.

________________
  • G. Tavani (1986) . A poesía lírica galego-portuguesa. Ed. Galaxia. ISBN: 84-7154-561-6. 
  •  Pena, Xosé Ramón (1993). Manual e antoloxía da Literatura Galega Medieval. 1ªed. Santiago de Compostela 1992, ed. Sotelo Blanco, ISBN 84-7824-147-7.
  • Tarrío Varela, Anxo (1994. Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Ed. Xerais. ISBN 84-7507-778-1.
  • VVAA (2008). Lingua e Literatura Galega 1º Bacharelato. Ed. Galaxia, ISBN 978-84-9865-096-9.
  •  VVAA (2008). Lingua e Literatura Galega 1º Bacharelato. Consorcio Editorial Galego, ISBN 978-84-8341-232-9.
________________

TEMA 2. A CANTIGA DE AMOR

SELECCIÓN DE TEXTOS

_____________________________


ENLACES PARA REFORZAR E/OU AMPLIAR O TEMA:

Galipedia
Aula de Literatura Portuguesa 
Gantigas de amor
Esquema
Comentario 
Son de poetas
Vídeos 
Na punta da lingua
A profa
_________________

Cantiga de amor de Joao Garcia de Guilhade, ESTES MEUS OLHOS..., interpretada polo grupo DOA e recollida no seu último disco, A fronda dos cervos (2006)



Versión contemporánea da Cantiga de amor por CAETANO VELOSO, VOCÊ È LINDA...