O discurso só foi literatura...

Literatura. 1. Arte que utiliza a palabra como medio de expresión. 2. Conxunto de obras escritas con finalidade estética, por un pobo, nunha lingua...
Galega. 1. Relativo ou pertencente a Galicia, aos seus habitantes ou á súa lingua...
Literatura Galega. ...damos por suposto que a literatura galega é a literatura escrita en galego! (Carvalho Calero, A Coruña 1988)

A CANTIGA DE AMIGO






A CANTIGA DE AMIGO, UN XÉNERO AUTÓCTONO

            Aínda que o profesor X.L.Méndez Ferrín afirme que a Cántiga de Amor é un produto, non de importación desde as encantadoras cortes de Occitania, senón autóctono de vez e nado nas cortes de noso, ás cales tamén lles debemos supor algún encanto. O cal non quer dicir que os modelos provenzais, e tamén os de Oïl, fosen descoñecidos en Galicia. E viceversa: para Eugenio Asensio “el camino de Santiago era de ida y vuelta”; hai que recoñecer, con Manuel Forcadela, que a Cantiga de Amigo é o primeiro xénero literario do que temos referencia na nosa tradición. As cincocentas doce cantigas que editara José Joaquim Nunes pertencen a un xénero compartido por outra literatura nacional (a portuguesa) e caracterízanse por ser un xénero sincrético, cunha estrutura fixa que xira en torno ao eu escénico da doncela que expresa o seu estado emocional cara ao amigo e por ser artificiosa, cun uso abondoso de recursos de repetición (paralelismo, leixaprén e refrán). Todo isto convertiunas nunha das xoias da tradición lírica occidental.
            A Poética Fragmentaria que acompaña ao Cancioneiro Colocci-Brancuti, ao falar das cantigas amorosas, diferencia as de amor das de amigo do seguinte xeito: E por que alguas i há en que falan eles e elas outrossi, por én é ben de entenderdes se son d'amor, se d'amigo: por que sabede que, se eles falan na prima cobra e elas na outra, é d'amor, porque se move a razón dele, como vos ante dissemos; e se elas falan na primeira cobra, é outrossi d'amigo; e se ambos falan en ua cobra, outrossi é segundo qual d'eles fala na cobra primeiro. Isto significa que os autores consideraron un trazo estilístico indiscutible, e totalmente definidor do xénero, o modo de enunciación, establecendo, por tanto, a presenza dunha voz feminina ou unha masculina como unha característica incontestable á hora de sinalar as diferenzas entre as cantigas de amigo e as cantigas de amor.
Cantigas de amigo. A. García Patiño

            A Cantiga de Amigo é, fronte aos outros xéneros líricos cos que convive no seu tempo, unha cantiga de raíz popular. Na súa orixe estaría un canto de muller, unha canción de amor feminina, un tipo de composición común a todos os pobos indoeuropeos. Na Península Ibérica a cantiga de amigo emparenta directamente coas carxas mozárabes, case contemporáneas e con características formais e temáticas moi semellantes. O propio Ferrín admite a hipótese da existencia dunha lírica primitiva paneuropea, de carácter feminino e paralelístico pero, iso si, de todo ese fondo de orixe folclórica, ningún conxunto é tan abondoso, ningún acervo tan arrecedente á mellor poesía intemporal como o conxunto das nosas Cántigas de Amigo felizmente conservadas.

            A cantiga de amigo é, polo tanto, un xénero pre-trobadoresco, aínda que as mostras máis antigas que conservamos son da mesma época que as cantigas trobadorescas. Dependendo da maior ou menor influencia da lírica trobadoresca sobre os modelos autóctonos, podemos diferenciar até tres grupos de cantigas de amigo, que en realidade evidencian a transformación que este xénero sufriu ao longo do tempo, pois como calquera xénero literario está suxeito a un proceso de nacemento – culminación – transformación e/ou desaparición.
Cantigas de amigo. A. García Patiño

Neste sentido, sostén M. Forcadela que a cantiga de amigo naceu sendo monologada, pois das 512 cantigas, 458 son monologadas e só 54 dialogadas, o que supón unha variación sobre o modelo inicial. Esta modificación está conectada coa irrupción por vía culta da cantiga de amor e tamén da pastorela. A cantiga de amor vai condicionar a evolución da cantiga de amigo porque os autores compaxinaban ambos os dous xéneros; mais a Cançó provenzal vaise convertir aquí en Cantiga de Amor grazas á cantiga de amigo, vista probabelmente polos propios creadores, coa chegada do amor cortés, como un xénero atrasado, popular e autóctono, fronte á cançó moderna, aristocrática e de fóra. M. Forcadela exemplifica esa transformación a través do camiño que vai da primeira cantiga de amigo conservada (Ai eu coitada! / como vivo en gram cuidado / por meu amigo / que ei alongado!), que mostra a presenza do eu escénico feminino no texto de Sancho I, até a cantiga de Joan Zorro (En Lixboa, sobre lo mar / barcas novas mandei lavrar, / ai mia senhor velida!), na que o eu lírico é unha voz masculina e a muller é convertida na destinataria da mensaxe, porén conserva os elementos formais da cantiga de amigo: rima, refrán, leixa-prén e paralelismo.
            Resumindo, das cantigas de amigo tradicionais (ou soliloquios de amigo ausente), fieis ás formas autóctonas da canción de amor feminina (dísticos con refrán, paralelismo, leixaprén e eu escénico dunha doncela), pasamos ás cantigas de amigo contaminadas ( ou dialogadas), influídas polo lirismo trobadoresco (estrofas máis complexas, con refrán e paralelismo pero tamén cun apóstrofe lírico ao que se dirixe o eu escénico da doncela); para acabar nas cantigas de amigo trobadorecas ou cantigas de amor nas que o eu escénico feminino deixou lugar ao eu lírico masculino e a muller convertiuse (ao modo trobadoresco) en destinataria da mensaxe.
Cantigas de amigo. A. García Patiño

Segundo M. Forcadela o esquema de evolución partiría dunha Cantiga monologada en boca da amiga (sen apóstrofe), (Ai eu coitada…). Pasaría a unha Cantiga monologada con apóstrofe, (Ondas do mar de Vigo, se vistes meu amigo...). Para continuar cunha Cantiga dialogada entre mulleres (-Digades filha, mia filha velida… / -Tardei, mia madre, na fría fontana…). Despois transformaríase nunha Cantiga monologada en boca de muller que non fose a amiga, (Eno sagrado, en Vigo, / bailava corpo velido: / amor hei!...). Continuaría a transformación a través dunha Cantiga dialogada entre muller e home. Para acabar chegando a unha Cantiga monologada en boca do amigo, (En Lixboa, sobre lo mar…). E, finalmente, daría nunha Cantiga narrativa en terceira persoa (Levou-s’a fremosa, levou-s’a velida, / vai lava cabelos, na fontan fría… // Passa seu amigo, que lhi ben quería, / o cervo do monte a auga volvia…). Deste xeito, se a cantiga de amigo é un herdo requintado dunha primiitiva canción feminina, a súa evolución resulta unha clara mostra de como a muller perde a voz para se converter, finalmente, previo pago da súa idealización, nun obxecto literario e amoroso, acorde cos tópicos do amor cortés.

Cantigas de amigo. A. García Patiño
Así as cousas, non parece tan doado seguir afirmando que a cantiga de amigo é autóctona, de ambiente rural, de léxico popular, e de escasa artificiosidade; fronte á cantiga de amor, refinada, aristocrática, culta… e de fóra. Pois ambos os dous xéneros parece beberen das mesmas fontes, posuíren un grao semellante de elaboración estilística e compartiren autores, porén a súa transformación chega da man do influxo trobadoresco. Neste sentido, Méndez Ferrín destaca o carácter culto e popularista das Cántigas de Amigo, dicindo: Estes barbados trobadores que se travisten de meniña rústica nun delicioso festival cortesán son, como case todos os popularistas, uns mediocres coñecedores da realidade camponesa que estaba alí, fóra de murallas. So as avelanieras floridas non hai quen dea bailado máis ca no interior dun poema, como fai Airas Nunes . É dicir, un poeta, consciente da súa arte, refai na súa creación individual uns modelos previamente existentes, anónimos, e transmitidos oralmente en forma de folclore.

Eis a grandeza das nosas cantigas de amigo! Pois non só os poetas do século XIII foron quen de iniciar as transformacións, senón que poetas do século XX ( Neotrobadorismo, Cunqueiro…Ronseltz) seguen a visitar e a imitar os textos medievais, porque por popularistas están máis achegados ao mundo real dos galegos actuais, pois os galegos e galegas, como explica Ferrín, seguimos a nos bañar nas ondas do mar de Vigo, aínda podemos descansar no souto de Crecente ou botar un cigarro onda a ermida de San Simión.
________________
  • Forcadela, Manuel (2009 ). A cantiga de amigo á luz da teoría da comunicación.
  • Méndez Ferrín, X. L. (2000). A poesía medieval galega vista dos os relanzos derradeiros do século XX. (Discurso de entrada na RAG).
  •  VVAA (2008). Lingua e Literatura Galega 1º Bacharelato. Consorcio Editorial Galego, ISBN 978-84-8341-232-9.
______________

TEMA 3. A CANTIGA DE AMIGO 

SELECCIÓN DE TEXTOS

ESQUEMA

No hay comentarios: